Será un manual no que se recollerán toda unha serie de ideas e recomendacións para buscar que o desenvolvemento deste tipo de espazos na Comunidade se faga de forma harmónica e integrada coa contorna.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o concello de Ordes para presentar os avances realizados na redacción desta guía ante máis dunha vintena de empresarios.
Como punto de partida dos traballos, explicou que se están a analizar 26 áreas empresariais rurais e urbanas de toda Galicia —unha delas, o polígono ordense— e que a información recompilada se utilizará na redacción dun manual de boas prácticas que ofreza solucións técnicas a problemas e cuestións que, de forma habitual, hai que resolver cando se planifica un polígono ou se queren ampliar e mellorar os xa existentes.
Entre as principais casuísticas ás que se pretende responder con esta guía mencionou a escaseza de zonas verdes, a localización de certos equipamentos en lugares estratéxicos, os problemas de aparcamento ou a necesidade de habilitar espazos para os peóns para facer dos polígonos lugares máis amables.
Tras anunciar que o documento estará listo no primeiro semestre de 2022, a conselleira lembrou que a futura guía xorde do protocolo de colaboración en materia de paisaxe asinado o pasado verán entre o seu departamento e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), entidade á que agradeceu o seu respaldo e implicación.