Galicia contará o vindeiro ano cun informe sobre a incidencia do cambio climático na súa costa

1 minutes read

Galicia terá capacidade e instrumentos para determinar cales son os riscos do cambio climático nas súas praias e estuarios, tendo en conta as especiais características da súa costa. A Xunta e as tres universidades galegas colaborarán nun estudo sobre a incidencia do cambio climático na costa galega, que incluirá as tarefas necesarias para completar o actual visor cartográfico que achega información sobre dúas variables: os riscos de inundacións e os da suba do nivel do mar.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo asinaron o convenio de colaboración polo que se completará esta ferramenta coas proxeccións climáticas da erosión, baseadas nas dinámicas de ondaxe que ofrece a infraestrutura de observación de MeteoGalicia. Este visor permitirá coñecer os impactos do cambio climático na costa e avaliar os riscos asociados, tendo en conta as especiais características da costa galega.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, salientou que este tipo de proxectos permiten “programar o futuro e os efectos na costa galega” e agradeceu que se conte co potencial das universidades para facer un estudo máis completo.

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, sinalou que esta é unha mostra máis da longa tradición de colaboración e complementariedade, como consecuencia da especialización destas institucións académicas, entres as universidades. Asemade, agradeceu a confianza da Consellería no sistema universitario de Galicia para colaborar nun estudo tan importante, como todos os relacionados coa economía circular.

Mentres, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, destacou que o proxecto que se impulsou hoxe é “de Galicia para Galicia”, ao ter en conta a singularidade das rías galegas, e agradeceu a oportunidade de transferir o coñecemento das universidades para solucionar os problemas da sociedade.