Galicia contará o vindeiro curso con 465 centros educativos plurilingües


Un total de 465 centros educativos, 42 deles de nova incorporación, formarán parte o vindeiro curso do modelo plurilingüe da Xunta de Galicia, unha acción enmarcada na Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa.

Este modelo plurilingüe -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e Formación Profesional (PluriFP).

Así pois, coas novas incorporacións, o próximo curso haberá un total de 382 centros (cinco máis que este curso) con plurilingüismo en Primaria ou ESO, ou en ambas etapas á vez (Plurilingüismo clásico), 212 (41 máis) con Plurinfantil (que contan tamén, na súa maioría, con plurilingüismo en Primaria) e 15 (dous máis) centros Pluribach( que tamén pode ser combinado con outra etapa).

Para dar apoio a estes centros, a Consellería pon ao servizo da comunidade educativo un total de 628 auxiliares de conversa neste ano académico.