Galicia continúa en restricións máximas durante polo menos unha semana máis

3 minutes read
  • O vindeiro luns, 22 de febreiro, o comité clínico volverá a reunirse para avaliar a situación

Galicia rexistra este luns un total de 13.052 casos activos, arredor de 9.300 positivos menos que a principios de mes. Sen dúbida, este descenso de casos é consecuencia das duras restricións impostas pola Xunta de Galicia o pasado 27 de xaneiro pero, a pesar da incidencia á baixa, a comunidade galega continuará en restricións máximas durante polo menos unha semana máis. Así o avanzou hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia para informar das medidas acordadas ata o vindeiro luns 22 de febreiro, cando se volverá a avaliar a situación. De feito, se os datos son favorables, podería abrir a hostalería de xeito gradual.

O motivo polo que Galicia continúa baixo estritas medidas de control é consolidar a melloría alcanzada nas últimas semanas e preparar unha apertura gradual e coa máxima seguridade. “O acordo deste comité clínico é manter Galicia en restrición máxima co obxectivo de afianzar e ampliar a melloría das últimas semanas”, destacou Feijóo, avanzando a posta en marcha de 6 aperturas graduais que entrarán en vigor este mércores 17.

Formación académica

As clases presenciais na universidade retomaranse o luns 1 de marzo co obxectivo de empregar a vindeira semana para facer un cribado aos universitarios. Ademais, os estudantes de ensinanzas especiais como conservatorios de música ou escolas de idiomas poderán acudir ás súas clases de forma presencial o vindeiro luns 22 de febreiro.

Comercio

Estes establecementos recuperan o seu horario, aínda que o aforo continuará sendo do 50 por cento. Os centros comerciais deberán pechar durante a fin de semana.

Deporte

No tocante á práctica deportiva, o presidente da Xunta explicou que ao deporte individual ao aire libre que xa estaba permitido, engádense dúas novidades: a reapertura das instalacións deportivas ao aire libre para a práctica deportiva individual; e retómase, tamén, a competición federada autonómica.

Restauración

O interior dos restaurantes das estacións de servizo nas vías de altas prestacións poderá abrir para que os transportistas poidan comer de xeito individual.

Actividades culturais

O titular do Goberno galego tamén anunciou que se poderán retomar as actividades en bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións e outros equipamentos culturais cun 30% de capacidade máxima permitida; e tamén se permitirán as actividades en cines, teatros e auditorios, coa mesma limitación de aforo.

Residencias e centros para persoas con discapacidade

No que atinxe ás residencias, o titular da Xunta confirmou que naquelas nas que se completase o ciclo da vacina hai dez ou máis días, as visitas pasarán de ser unha por semana a tres, con dous familiares de referencia. E, no caso dos centros para persoas con discapacidade, retomaranse as saídas durante a fin de semana sempre que pasasen 10 días desde que o usuario recibise a segunda dose da vacina.

O toque de queda continúa nas 22 horas e os peches perimetrais seguen en vigor, polo que ningunha persoa poderá saír ou entrar do seu concello sen xustificación.

En relación á hostalería, Feijóo aseverou que a aspiración é reabrir o sector “coa intensidade que se concrete e canto antes se poida”, e recuperar tamén a posibilidade de compartir con non conviventes.

O vindeiro luns 22 de febreiro volverase a avaliar a situación de xeito que, se segue a tendencia á baixa na que estamos, poderase seguir a desescalada das restricións que aínda posúe a hostalería “co grado de intensidade e en función dos datos epidemiolóxicos de cada ámbito territorial”.