Galicia debaterá sobre as oportunidades e ameazas da produción de berberecho


Galicia e outras rexións da Área Atlántica debaterán a vindeira semana sobre as oportunidades e ameazas da produción de berberecho no marco da conferencia final virtual do proxecto europeo Cockles, Cooperación para a recuperación das pesqueiras de berberechos e os seus servizos ambientais na Área Atlántica. Esta iniciativa está coordinada pola Fundación Cetmar co apoio do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependentes da Consellería do Mar, e naceu no 2017 co obxectivo de recuperar e aumentar a produción de berberecho así como os servizos que este molusco proporciona nas rexións do Espazo Atlántico da Unión Europea.

A conferencia final do evento comezará o 9 de marzo a partir das 09:00 horas, xornada na que un investigador do CIMA ofrecerá unha conferencia sobre o sistema inmune do berberecho e os patóxenos que poden afectar a este molusco como a marteiliose (totalmente inocua para o ser humano). Ademais un técnico da Universidade de Santiago de Compostela falará sobre a diversidade xenética do berberecho no Espazo Atlántico. Ese día tamén haberá intervencións de expertos das universidades de Cork, Burdeos, Caen (Normandía) e Bangor (Gales) nas que se tratarán temas como a distribución e dinámicas de poboación do berberecho e o papel que esta especie ten no ecosistema, entre outros.

No segundo día, mércores 10, o representante do CIMA participante nesta conferencia falará sobre a restauración dos leitos de berberecho e o caso de Galicia e a do Cetmar abordará a integración dos contidos novos e os existentes sobre o berberecho nun visor que permitirá atopar sobre mapas toda a información asociada á súa localización xeográfica. Ademais, o representante da USC sobre as oportunidades da selección para a resistencia ás enfermidades que afectan a este molusco. Nela tamén participarán expertos da Universidade de Lisboa, do Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA), do Centro de Ecoloxía e Hidroloxía do Reino Unido e da Universidade de Burdeos.

Neste segundo día tamén se presentará o Inventario de parasitos e enfermidades do berberecho Cerastoderma edule, elaborado no seo do proxecto Cockles coa participación de investigadores do CIMA. Esta publicación proporciona información sobre todos os parasitos e enfermidades coñecidas do berberecho, utilizando un formato sintético e didáctico coa intención de que sexa útil aos profesionais do marisqueo, xestores do marisqueo e do medio ambiente, investigadores e a calquera persoa interesada.

Por último, o venres 12 de marzo realizarase unha actividade especial para colexios. Nela o equipo de Cockles conectarase con algunhas escolas de España, Irlanda, Reino Unido, Francia e Portugal para presentar os materiais educativos producidos polo proxecto. Haberá catro salas virtuais dispoñibles para as presentacións en español, inglés, portugués e francés. Este día tamén se celebrará unha rolda de prensa virtual para os medios de comunicación do Espazo Atlántico.