Con todo o voto escrutado (excepto o exterior) nas eleccións rexionais ao Parlamento de Galicia, o Partido Popular (PP) reedita a súa maioría absoluta, con 40 escanos, seguido do Bloque Nacionalista Galego (BNG), con 25 deputados. O PSdeG-PSOE queda nun distante terceiro lugar con 9 escanos e o grupo Democracia Ourensá consegue representación parlamentaria cun escano.
Á espera do escrutinio, o vindeiro luns 26 de febreiro, dos sobres dos 29.300 galegos residentes no estranxeiro que participaron nestas eleccións (un 6,15 % do Censo Electoral dos Residentes Ausentes), o PP consegue unha vitoria incontestable en Galicia, que tamén axuda a consolidar o liderado de Feijóo.
O BNG consolídase como a segunda forza ao lograr seis deputados máis: dous pola Coruña, outros tantos por Pontevedra, e senllos por Lugo e por Ourense.
Alfonso Rueda e Paula Prado. En comparecencia de prensa tras a vitoria electoral.
Novas anteriores do día, relacionadas
O PP retería a maioría absoluta en Galicia, segundo a enquisa elaborada por GAD3 e difundida por Televisión de Galicia (TVG) e TVE ao peche das urnas. Eso si, Alfonso Rueda perdería apoios respecto á era de Alberto Núñez Feijóo e pasaría de 42 deputados a entre 39 e 40, e un 45,9% dos votos. É dicir, no peor escenario, o tracking sinala que o PP se quedará un por encima da maioría absoluta, fixada en 38 escanos.
A participación ás 17.00 horas era do 49,17% con case o 100% das mesas comunicadas. O dato a esa hora da tarde deste domingo estaba seis puntos por encima das tres últimas convocatorias electorais: en 2020 foi do 43%, en 2016 do 42,5% e en 2012 tamén do 42,5%. En 2009, as eleccións recentes máis disputadas, foi do 49,3%. En 2005, o ano da vitoria do bipartito formado por PSdeG e BNG, a cifra a esta hora alcanzou o 46,7%.
A participación ás 12 do mediodía descendeu en case dous puntos e medio con respecto aos comicios de 2020, celebrados durante a pandemia, co 100% das mesas comunicadas. A porcentaxe de persoas que se achegou ao seu colexio electoral durante a mañá é do 17,12%, mentres que hai catro anos foi do 19,42% e en 2016 do 15,01%. En 2009, as eleccións recentes máis disputadas, foi do 16,1%. No ano da vitoria do bipartito, 2005, a cifra a esta hora alcanzou o 18,8%.
Hoxe, Galicia decide entre catro anos máis do PP e primeira maioría absoluta de Rueda, unha coalición de esquerdas liderada pola nacionalista Ana Pontón ou mesmo que a chave a poida ter o partido do alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Jácome. Case 2,7 millóns de galegos e galegas están chamados a decidir a composición do Parlamento de Galicia para os próximos catro anos.
Este 18F están en xogo 75 cadeiras no Hórreo. 25 polas provincias da Coruña e 22 por Pontevedra. Lugo e Ourense escollen 14 deputados cada unha. Para poder ter dereito a ocupar un escano, os partidos deben conseguir un mínimo do 5 por cento de votos en cada provincia. A maioría absoluta está nos 38 escanos.
A diáspora tamén ten un peso significativo, tendo en conta que os 476.514 residentes ausentes con dereito a voto nesta cita electoral supoñen case o 17,7 % do censo de 2.693.624 chamados a emitir o seu sufraxio este domingo. Por iso, ante un resultado axustado, o seu papel podería ser clave.
Hai 10 partidos que se presentan nas catro provincias. Outros, non. É o caso de Democracia Ourensana, o partido do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que só presentou lista na provincia de Ourense. Os colexios electorais estarán abertos ata as oito da tarde.