Galicia acaba de despedir unha primavera desde o punto de vista climatolóxico que se caracterizou por ser cálida e seca, un balance ao que contribuíu de forma especial o mes de maio que rexistrou temperaturas moi altas e foi seco no que respecta ás precipitacións. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou a sede de MeteoGalicia para facer balance da pasada estación no marco dos actos da Semana por unha Galicia sostible que promove a Consellería co gallo do Día mundial do medio ambiente, que se celebra o 5 de xuño. Tal e como adiantou o coordinador de MeteoGalicia Juan Taboada, o mes comezará cunha semana de temperaturas suaves pero durante a que se esperan bastantes chuvias, aínda que de cara á segunda semana os modelos apuntan a que haberá unhas condicións atmosféricas máis estables, polo que aumentarán as probabilidades de tempo seco e con valores en ascenso. Entre as novidades que se porán en marcha este verán haberá unha nova operativa de episodios de calor na que se terán en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calcularán os valores que se poden considerar elevados para cada concello.