Galicia despídese este domingo do toque de queda e do peche perimetral

Imagen de archivo del presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo_Xunta de Galicia

  • Os bares poderán abrir ata as 23:00 horas e os restaurantes ata a 1:00

A Xunta de Galicia levanta o peche perimetral da comunidade e tamén o toque de queda. Estas novas medidas entrarán en vigor na noite do sábado ao domingo, coincidindo co fin do estado de alarma en España. “Calquera persoa de calquera lugar pode vir a Galicia, xa sexa dende Portugal ou dende calquera outra comunidade”, así o asegurou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de prensa posterior á reunión do comité clínico.

Esta novidade afectará a todos os concellos galegos, aínda que desde a Xunta solicitarán unha autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para manter o toque de queda a partir das 23 horas naquelas localidades que se atopen no nivel máximo de restricións (máis de 500 casos de incidencia acumulada a 14 días) como Padrón, Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza.

Ampliación de horarios na hostalería
No tocante á hostalería, Feijóo asegurou que se seguirán ampliando os horarios. Deste xeito os bares poderán abrir ata as 23 horas e os restaurantes poderán pechar a unha da madrugada. “Sempre mantendo os criterios establecidos no seu día, é dicir, que conten con licencia de restaurante, que funcionen con cita previa e conserven un rexistro de clientes e que garantan a calidade do aire e controlen o CO2 do local”, sinalou.

De acordo con estas medidas, o titular da Xunta afirmou que tamén se pedirá aval xudicial para limitar as reunións de non conviventes desde a unha ata as seis da mañá.