Detectados catro novos casos de gripe aviaria en Galicia

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete. Con estes son xa 21 os casos notificados en Galicia, todos eles en mascatos, alcatraz común ou atlántico.

Estes últimos catro foron recollidos na praia coruñesa de Carnota e na de Llas, do concello lucense de Foz; así como na estrada LU–862 do tamén lucense municipio de Viveiro e en Viladesuso, na localidade pontevedresa de Oia. Agás o exemplar recollido en Foz, que foi atopado enfermo, os outros tres exemplares foron achados mortos. Tras a toma de mostras, o animal enfermo foi eutanasiado e os cadáveres foron eliminados conforme á normativa vixente.

Aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.