Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro no último ano

Centro especial de emprego "Hornos Lamastelle"_foto: Ana Varela/ xunta.gal

  • Ademais suma doce meses consecutivos por riba do millón de cotizantes á Seguridade Social

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou este martes dos datos de paro rexistrado en febreiro e explicou que o desemprego na evolución anual continúa baixando, mentres que as afiliacións seguen por riba do millón de cotizantes.

Deste xeito, Galicia pechou febreiro de 2020 con 7480 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -4,31% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en febreiro de 2009 había 206.570 parados fronte aos 166.229 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en tres puntos á media estatal, situándose como a segunda Comunidade na que máis descende o desemprego en termos absolutos e a terceira en relativos.

Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de febreiro e faino nas catro provincias galegas -Pontevedra liderou a caída (-6,09%), seguida de Ourense (-4,66%), A Coruña (-2,82%) e Lugo (-2,59%)- e nas sete grandes cidades; así como en todos os sectores económicos -destacou a baixada na agricultura e a pesca (-6,93%), seguida da construción
(-6,23%).

En canto ás afiliacións, Galicia suma doce meses consecutivos por riba do millón de cotizantes á Seguridade Social. Na comparativa internanual, as afiliacións medran un 1,51%, o que supón 15.043 afiliados máis, unha media de 41 ao día.