Galicia é a segunda comunidade que máis rápido paga as súas facturas


Galicia pechou o mes de xullo sendo a segunda comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas cun período medio de pago de 14,86 días, só por detrás de Murcia, segundo os datos oficiais publicados polo Ministerio de Facenda.

Ao peche do mes de xullo, o período medio de pago de Galicia situouse en 14,86 días, case 17 días inferior ao do conxunto das comunidades autónomas que foi de 31,44 días; e por debaixo do límite de 30 días que establece a normativa estatal.

En canto á débeda comercial, os datos do Ministerio de Facenda sitúan tamén a Galicia como a segunda comunidade con menor débeda comercial de España. A ratio débeda/PIB de Galicia situouse no mes de xullo no 0,13%, por debaixo da media autonómica, que foi do 0,33%. A débeda comercial do conxunto de comunidades autónomas era de 3.638,5 millóns de euros, dos que 73,9 millóns –o 2%- corresponden a Galicia.

Os datos do Ministerio de Facenda volven ratificar que Galicia continúa neste 2020 entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.