Galicia e Andalucía impulsan a cogobernanza efectiva

1 minutes read
Cedida.

O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno Bonilla, acordaron este venres nunha xuntanza impulsar a cooperación entre ambas comunidades para lograr unha economía competitiva e sustentable co apoio dos Next Generation e a cogobernanza efectiva. Unha colaboración que quedou plasmada nunha declaración conxunta, asinada por ambos os presidentes.

Entre os asuntos abordados, o responsable do Goberno galego referiuse primeiramente ao Camiño de Santiago e ao compromiso de impulsar a Vía da Prata, a través do grupo de traballo entre Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Ademais de trasladar a conveniencia de que a Comunidade andaluza estea no Consejo Jacobeo, para seguir ampliando os foros de cooperación.

Ambos aproveitaron a reunión para destacar o descubrimento da mouteira do Camiño de Santiago no Mosteiro de San Isidoro del Campo, no municipio de Santiponce.

Por outra banda, a transición enerxética e o reparto dos fondos europeos Next Generation foron outras das materias avaliadas. Así, ambos os mandatarios coincidiron na proposta de avanzar na concreción de proxectos para as zonas de transición xusta, referíndose a eidos como a eólica mariña, o hidróxeno verde ou a economía azul.

Outros dos retos que Galicia e Andalucía comparten son a loita contra os incendios forestais, sobre os que intercambiaron experiencias; así como o futuro da pesca que pasa por seguir apostando pola sostibilidade, a conservación de recursos e a remuda xeracional.