viernes, 29 mayo , 2026

Galicia e Canarias buscan vías de colaboración no sector aeronáutico

1 minutes read

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión de traballo co viceconselleiro de Presidencia do Goberno de Canarias, Antonio Olivera, para explorar posibles vías de colaboración no sector aeronáutico.

O vicepresidente económico trasladoulle durante o encontro a aposta que a Comunidade galega vén realizando desde 2015 neste eido a través do Polo Aeroespacial de Galicia, un compromiso que se ratifica coa posta en marcha da Estratexia 2021-2025. De feito, esta nova folla de ruta establece como principais prioridades para Galicia o desenvolvemento industrial da rexión; o fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras a través da xeración e transferencia de coñecemento ao mercado –o que permitirá a comercialización dos produtos e solucións innovadoras–; e a creación de emprego de calidade.

Na xuntanza tamén se abordou a posibilidade de establecer sinerxías no desenvolvemento da eólica mariña de Galicia. Neste sentido, a Xunta participou na constitución do Observatorio da eólica mariña, un novo instrumento deseñado como punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas.

A Xunta defende a unidade e o consenso e, por iso, cada paso que se dea no desenvolvemento deste sector será sometido ao acordo de todas as partes implicadas e tendo en conta que a prioridade é o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema.