A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o centro que o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) ten en Algés, no distrito de Lisboa, onde mantivo unha xuntanza cos seus representantes. Alí ambas partes puxeron de manifesto a importancia de intensificar e reforzar a colaboración entre Galicia e Portugal en materia de control de moluscos bivalvos co obxectivo de garantir as condicións hixiénico-sanitarias destes recursos e salvagardar a saúde pública.
Dentro deste labor, Galicia é un referente internacional e conta con máis de 25 anos de experiencia na materia e con instalacións, equipamentos e persoal cualificados para a realización de análises en moluscos bivalvos. De feito, engadiu, o Intecmar asumiu o papel de laboratorio nacional de referencia no control de biotoxinas mariñas no marco dun convenio coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) para colaborar nesta materia.
Esta función do centro inclúe o intercambio de experiencias e o asesoramento con outros centros como o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera, que depende do Estado luso e que se dedica á investigación relacionada co eido mariño, a climatoloxía e a agricultura, entre outros aspectos. Este centro portugués conta cun sistema de monitorización de moluscos bivalvos que lle permite establecer o estado das zonas de produción marisqueira. Unha rede de control coa que tamén conta Galicia grazas ao labor do Intecmar que iniciou a súa actividade en 1992 como Centro de Control do Medio Mariño de Galicia.