Galicia en alerta: toque de queda ás 22 horas e máis de 60 concellos perimetrados

3 minutes read
  • Toda a hostalería deberá pechar as súas portas ás 18:00 horas

A Covid-19 segue imparable na comunidade galega, superando este mércores os 9.400 casos. Ante esta situación, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou as novas medidas adoptadas para frear a expansión desta pandemia; unhas medidas que estarán en vigor este venres e que durarán «probablemente ata mediados de febreiro».

Intervención do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

En primeiro lugar, todos os concellos galegos pasan automaticamente aos dous niveis de alerta máis altos, motivo polo cal toda a hostalería galega deberá pechar as súas portas ás 18:00 horas. Ademais, adiántase o toque de queda ás 22:00 horas en toda a comunidade e as reunións serán dun máximo de catro persoas non conviventes.

Feijóo lembrou que o peche perimetral de Galicia segue activo e recomendou aos cidadáns que fagan o «esencial», véxase ir ao traballo, coledio ou ao médico.

Medidas nas zonas cun nivel medio-alto de restricións

  • As reunións serán dun máximo de catro persoas.
  • O toque de queda adiántase ás dez da noite.
  • O comercio deberá pechar como máximo ás 21:30 e as tendas estarán ao 50 % da súa capacidade.
  • A hostalería e restauración poderán abrir ata as 18 horas, cun 30% de aforo no interior e do 50% nas terrazas, podendo manter a entrega a domicilio.
  • Non se poden facer reunións de non conviventes nos domicilios a partir das 18:00.
  • Os centros recreativos só poden estar ao 50 % da súa capacidade.
  • As actividades deportivas non federadas contarán con grupos de máximo catro persoas, e no interior os aforos non superarán o 50%.
  • Nos cines, teatro e auditorios o límite máximo de persoas sentadas será de 250 nos espazos pechados, e de 500 ao aire libre.
  • As visitas hospitalarias se circunscriben a unha persoa por paciente en todos os hospitais do Sergas, salvo casos excepcionais.
  • Respecto á mobilidade, os concellos neste nivel non se pechan, agás as cidades de Lugo, Pontevedra e Vigo.

Medidas nas zonas de máxima restrición

  • Os concellos quedan illados de xeito individual.
  • O interior da hostalería estará pechada e só se poderá atender nas terrazas ata as 18:00, aínda que segue funcionando entrega a domicilio.
  • Os establecementos de xogo estarán pechados ao público.
  • Nos centros comerciais reducirase a capacidade nas tendas ao 30 %.


Os 60 concellos que estarán as vindeiras semanas neste nivel máximo de restricións son, na provincia da Coruña: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón, Fene, Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra. Na provincia de Lugo: Vilalba, Viveiro e Xove. Na provincia de Ourense: Ourense, Barbadás, Carballiño, Verín, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia. E, na provincia de Pontevedra: A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Cuntis, Oia, O Rosal e Salvaterra de Miño.

Apoio ao sector da hostalería
Feijóo aproveitou a comparecencia para referirse novamente á hostalería, un sector, recordou, que sofre máis que ningún outro ao estar máis exposto. “Seguiremos tentando mitigar o seu sufrimento con axudas específicas”, garantiu, subliñando que máis de 14.700 negocios de hostalería xa recibiron apoio económico directo da Xunta, o que supuxo un desembolso de 21,5 millóns de euros.

O presidente da Xunta pediu aos cidadáns que sigan en alerta e que non se confíen polo feito de que o proceso de vacinación comezara.