Galicia en Común-Anova Mareas presentou este martes o seu lema de campaña para as eleccións do 12 de xullo: “É o momento! Construírmos o futuro”. O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sinalou que este lema fala de que “o momento é agora. Fronte ao que se está dicindo, nós témolo claro. Nos últimos procesos electorais cando se mobilizou a cidadanía progresista, o bloque progresista conseguiu case 200 mil votos máis que o bloque conservador. Polo tanto, se a xente vai votar, Feijóo perde”. Gómez-Reino resaltou ademais que Galicia en Común transmite desta maneira “un obxectivo claro da nosa candidatura, o de cambiar o poder político na Xunta de Galicia e construír con outros e outras un Goberno progresista, transformador e de país a partir do próximo 13 de xullo”. O candidato á presidencia sinalou tamén que este lema “incide en algo que vai no noso ADN: a defensa do común. Cando falamos de defender o público, a sanidade, a educación, a lingua, o patrimonio, o autogoberno ou o medio ambiente, falamos de defensa do común”.
40