Galicia Escena Pro difundirá 30 espectáculos galegos do 6 ao 9 de xuño

1 minutes read

Galicia Escena PRO configurou a carteleira de 30 espectáculos galegos que se exhibirán ou se presentarán na súa vindeira novena edición co obxectivo de incentivar as contratacións por parte dos responsables de programacións culturais, circuítos e festivais acreditados ao evento.

A partir da convocatoria aberta á que concorreron preto de 80 propostas, unha comisión de selección nomeada por Escena Galega, asociación profesional de compañías que comparte a organización do evento xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo pública a súa escolma de 18 títulos que levarán a cabo funcións en formato completo, así como os 12 proxectos que ocuparán as presentacións rápidas tipo pitching.

Para a primeira das modalidades resultou unha selección compensada entre teatro de adultos, infantil, danza, circo e maxia, cunha destacada participación de compañías de recente creación xunto a outras de máis longa traxectoria, e con moita presenza de producións que abordan temas de actualidade social.