Galicia festexa con música e poesía o Día Europeo das Linguas


A programación impulsada pola Xunta de Galicia para festexar o Día Europeo das Linguas -que se conmemora cada 26 de setembro- arrinca dentro do Festival Maré, Músicas e Artes atlánticas 2022, unha iniciativa de Nordesía Producións enmarcada nos concertos do Xacobeo 21-22. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salienta que o lema do Día Europeo das Linguas 2022, Valorando todas as linguas de Europa, demostra que todos os idiomas “son importantes e útiles, independentemente do número de falantes que teñan”. Lembra que aos europeos “tocounos en sorte unha ampla diversidade lingüística que temos a obriga, pero tamén o orgullo e a vontade, de protexer e de transmitir”.

Os distintos escenario de Maré acolleron unha serie de concertos que visibilizan a multiculturalidade, a diversidade lingüística e o entendemento con actuacións de todo o mundo. A programación, dispoñible na páxina web do festival, conta coa participación de artistas galegas como a cantautora Antía Muíño e o grupo Peña, do resto de España como a asturiana Silvia Quesada, a donostiarra Olatz Salvador e os cataláns Paula Grande e DJ Panko, así como de artistas internacionais: o intérprete de Guiné-Bissau Mû Mbana e o brasileiro grupo Pietá. Todos eles enchen de música de moi distintos estilos localizacións como o Teatro Principal, a Sala Riquela ou a praza de Mazarelos.

Precisamente nesta última celébrase tamén este domingo un recital poético da man de autores como Andrea Valle, Diego Horschovski, Arancha Nogueira e Peter Brea. Apóstase así pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural, poñendo o foco naqueles territorios cos que Galicia comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico.