Galicia fomentará a participación infantil cun Consello autonómico da Infancia e a Adolescencia


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha reunión co presidente de Unicef España, Gustavo Suárez Pertierra, e a presidenta de Unicef Galicia, Myriam Garabito Cociña, onde sinalou que Galicia fomentará a participación infantil a través dun Consello autonómico da Infancia e a Adolescencia. Rueda subliñou o compromiso do Goberno autonómico con este ámbito, ao que se destinarán no próximo exercicio 230 millóns de euros, un 36% máis que este ano.

Neste sentido, o presidente do Goberno galego apuntou o importante labor de entidades como Unicef para garantir a educación, a protección e o acceso á sanidade dos menores por todo o mundo. A Xunta colabora desde hai anos con esta entidade a través de financiación a programas como ‘Cidades Amigas da Infancia’ -para promover a aplicación da Convención sobre os dereitos dos nenos no eido municipal- ou axudas concretas para proxectos en Ucraína a raíz da guerra; a reconstrución de escolas en Cuba tras o furacán Irma ou para levar a cabo iniciativas de acción humanitaria en Nepal, Camerún, Bolivia ou Níxer.