Tras a finalización do proceso extraordinario de elección de prazas de Formación Sanitaria Especializada para o curso 2023, a comunidade galega contará durante o presente ano cun total de 1.977 residentes en formación, ao incorporarse este martes ao Servizo Galego de Saúde, un total de 587 novos residentes.
Durante o pasado ano, os servizos sanitarios públicos galegos estaban a formar a 1.805 residentes, pertencentes ás diferentes categorías da formación especializada. Neste senso, estes días un total de 415 especialistas remataron o seu ciclo formativo, dando lugar a un saldo positivo de profesionais, ao ser superior a cifra de novos residentes.
Dos 587 residentes que se incorporan este ano, o Grao en Medicina achegará 454 novos MIR, sendo as especialidades de Medicina Familiar e Comunitaria con 174 prazas -cifra récord no histórico do Sergas-, Pediatría con 27, e Radiodiagnóstico e Anestesioloxía con 20 prazas -cada unha-, ás que máis profesionais acollerán neste 2023. Ademais, tamén se incorporarán 50 especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria.