Galicia formará parte do proxecto europeo ‘Invest4Health’


A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) formará parte do proxecto europeoInvest4Health, destinado a incentivar novos modelos de financiamento para a promoción da saúde e a prevención de enfermidades.

Trala pandemia, os sistemas sanitarios europeos deben abordar a acumulación de atrasos na asistencia sanitaria derivados da covid-19, os novos retos para a saúde e a escaseza de recursos buscando formas de maximizar os activos da Administración pública.

O proxecto Invest4Health enmárcase dentro das accións de investigación e innovación (RIA) de Horizonte Europa, e ten por finalidade garantir o acceso a unha asistencia sanitaria innovadora, sostible e de calidade, promovendo novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios.

A acción Invest4Health está coordinada pola rexión sueca de Skåne, e conta ca participación dun total de 18 entidades de 8 países.

O proxecto ten unha duración de 3 anos e medio (42 meses) e ten previsto comezar en xaneiro do 2023. As actividades que se leven a cabo buscarán consolidar os esforzos e recursos no sector sanitario e incentivar novas formas de financiamento no ámbito público nas que os beneficios para a saúde superen os custos iniciais e proporcionen un retorno da inversión sostible.