As tres universidades galegas acadaron un acordo co fin de impartir na Comunidade os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia artificial. Dúas titulacións cunha gran demanda e cunha enorme proxección de futuro, xa que se agarda que os seus titulados acaden practicamente o pleno emprego, ademais de ofrecer diversas saídas laborais en áreas como a análise de datos, a robótica ou o internet das cousas. Tanto o máster como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde actualmente se están a ofertar os graos de Enxeñaría informática: apostando, no caso do grao, por que os dous primeiros anos sexan comúns; e que nos dous últimos cada centro ou escola aposte por especializarse nunha das diferentes ramas desta disciplina. “O obxectivo é poder ofertar 150 prazas de novo acceso no caso do grao -50 por cada universidade- e unhas 60 prazas de novo acceso no caso do máster -20 por centro-“, precisou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras asinar un acordo para este fin coas tres universidades, que en breve comezarán a elaborar as memorias de verificación das titulacións, co fin de comezar a impartilas no curso académico 2022-2023.
33