Galicia impulsa a recollida activa e redución do lixo mariño a través do Plan Marlimpo

1 minutes read

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego o labor da Xunta e a súa participación en distintas iniciativas destinadas a loitar contra o lixo mariño. Unha delas é o Plan Marlimpo, unha iniciativa do Executivo galego ligada ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca que busca, entre outros aspectos, contribuír a reducir a cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras e mellorar a concienciación e colaboración entre os actores marítimo-pesqueiros na loita contra o lixo mariño.

Neste plan enmárcanse os proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar financiados pola Consellería do Mar co FEMP. Así o explicou en resposta a unha pregunta sobre un informe do Parlamento Europeo en relación ao impacto do lixo mariño na pesca no que se recoñece ao Plan Marlimpo e ao o proxecto europeo CleanAtlantic, no que participa Galicia, como exemplos de boas prácticas na loita contra o lixo mariño. Este recoñecemento, valorou a directora xeral, “é un aliciente máis para seguir traballando e nesa liña imos estar”.