O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que Galicia iniciará no mes de agosto unha experiencia piloto nun grupo pechado de persoas a través da nova aplicación para o móbil ‘PassCOVID’. En base aos datos do Servizo Galego de Saúde, esta aplicación permitirá identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte á covid-19 e facilitar a xeración de alertas aos contactos indicados por esta no caso de dar positivo nunha proba PCR.
Logo de testar este novo sistema en agosto, Feijóo sinalou que en setembro se valorará a posibilidade de implementalo para que tanto os residentes en Galicia como os viaxeiros poidan descargala nos seus dispositivos móbiles. No caso de que se chegue a implementar, precisou que PassCOVID será sometida a consideración do Consello interterritorial de Saúde.
O presidente da Xunta en funcións fixo fincapé en que este sistema será completamente voluntario. Así, a persoa que descargue a aplicación poderá optar por identificarse empregando o sistema de identificación seguro Chave 365, o que lle permitirá acceder a todas as funcionalidades de PassCOVID; ou escoller un perfil anónimo, en cuxo caso a aplicación lle proporcionará información xeral e consellos sobre a situación da pandemia.
Deste xeito, a información será personalizada, no caso dos perfís identificados; e local, no caso dos usuarios que activen voluntariamente a xeolocalización. Isto último permitiralles recibir alertas sanitarias da zona de Galicia na que se atopen.
PassCOVID tamén servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns con información sobre novidades e evolución da pandemia; zonas de risco; datos; indicadores xerais e por concello; recursos e servizos dispoñibles; e recomendacións e información sobre protocolos de protección e seguridade aplicables en cada momento e lugar.