A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a culminar a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas que destaquen, de forma salientable, polo seu entorno laboral igualitario e sustentable. A través deste mecanismo, desexa poñer en valor o compromiso do tecido produtivo galego coa igualdade entre mulleres e homes e co benestar laboral.
Os requisitos básicos deste recoñecemento xa foron consensuados co Diálogo Social. Terán como un dos seus eixos centrais a igualdade retributiva en traballos de igual valor ou a formación mínima en igualdade laboral entre as persoas con responsabilidade na empresa, integrantes das comisións negociadoras e de seguimento.
Poderán optar ao recoñecemento empresas de capital público ou privado que conten con domicilio en Galicia ou con representación no territorio a través dunha axencia, sucursal, delegación, entre outros. Terán que contar, entre outros factores, cun mínimo de 6 persoas traballadoras na comunidade, estar inscritas na Seguridade Social e ter un plan de igualdade con, polo menos, o 25% das súas medidas implantadas.
Para avaliar o nivel de igualdade cara á obtención da certificación, teranse en conta, a maiores, outras condicións relacionadas coa imaxe e linguaxe empregada pola empresa, a súa comunicación ou a incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos.