A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou na apertura da I Xornada de Automoción en Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela. Na súa intervención, explicou que a Xunta manterá a súa aposta polo vehículo eléctrico e conectado, acompañando ás empresas desta industria neste contexto de transformación.
Tras asegurar que a automoción é un dos sectores estratéxicos da Comunidade e unha industria punteira que xera miles de empregos, a secretaria xeral referiuse á época de cambios que está atravesando o conxunto da industria e, especialmente, a do automóbil. Con desafíos no eido da conectividade, a electrificación, a condución autónoma e a nova mobilidade.
Desde a Xunta darase resposta en 2023 ás necesidades do novo modelo cun investimento de 360M€ para desenvolver a axenda industrial para a Galicia de 2030. Neste sentido tamén lembrou a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation para a modernización do tecido industrial, polo que reiterou ao Goberno central a petición dunha asignación áxil e descentralizada das axudas.