Galicia manterá as cualificacións numéricas para o alumnado en todos os cursos ao tempo que reforza as competencias lingüísticas, humanísticas, matemáticas e científicas nos currículos educativos para todas as etapas que se aplicarán a partir de setembro coa entrada en vigor da nova lei estatal.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, deu conta das novidades, da estrutura e dos contidos curriculares da parte autonómica (Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato), que -segundo explicou- foron deseñados “desde unha perspectiva técnica” e “baixo os principios irrenunciables de situar o alumno no centro de todas as decisións ao tempo que blindar o noso modelo propio de éxito avalado polos resultados e que se sostén sobre os piares da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades ”.
Nesta liña, os grupos de traballo docente realizaron as propostas baixo a premisa de non recortar contidos, manter o peso dos bloques lingüístico e matemático-científico ao longo das etapas así como ter en conta a transición entre etapas, pero, sobre todo, “tendo moi presente que a formación competencial do alumno é o centro de referencia do currículo en Galicia”, incidiu o conselleiro. Todo isto baixo os criterios de respecto ao marco normativo vixente, que os cambios sexan os menores posibles para os centros, para os alumnos e para as familias; que os currículos teñan unha estrutura clara e sinxela, e que haxa unha conexión entre os elementos.
Mentres segue a traballar na elaboración dos decretos que desenvolverán os currículos das distintas etapas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade avanza a estrutura de cada un deles así como as materias a impartir co obxectivo de “dar certezas” á comunidade educativa, expresou o conselleiro. Deste xeito, os centros educativos poden comezar xa a planificar a organización interna dos seus horarios e a oferta, isto é “a súa arquitectura para o vindeiro curso”.
