A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o incremento da produción de algas en Galicia e da súa posta en valor. Segundo sinalou en Cambados, o ano pasado vendéronse nas lonxas galegas máis de 430 toneladas deste recurso por un valor de máis de 337.000 euros. Esta cifra de facturación, salientou, multiplica por dez á obtida no ano 2009, que é de algo máis de 37.000 euros e é a máis alta das anualidades comprendidas no período 2009-2020, o que reflicte, engadiu, que se trata dunha especie en alza.
A cantidade descargada en lonxas no 2020 subiu un 7% en relación ao 2019. Un incremento que tamén se reflicte na actividade dos establecementos de cultivo desta especie, que o ano pasado produciron máis de 1.500 quilos deste recurso, o que supón case un 60% máis que no 2019. A esta cantidade corresponde unha facturación de máis de 10.100 euros, o que reflicte un incremento de máis do 45% en comparación co 2019.
Todo isto a pesar das circunstancias derivadas da pandemia da coronavirus, como a redución da demanda da canle Horeca e da exportación, e grazas ao esforzo dos profesionais vencellados ao mar, que en momentos complicados arrimaron o ombro para subministrar alimentos de calidade á cidadanía.
