Galicia necesita reservas de sangue dos grupos cero negativo e cero positivo


A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), convida a toda a cidadanía a doar sangue nas xornadas da primeira ponte festiva do mes de decembro, en especial ás persoas dos grupos cero negativo e cero positivo.

As próximas festas requiren dun esforzo na participación dos cidadáns, pois pode descender o número de doazóns pero non sucede o mesmo coa demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios. Por tanto, precísase da xenerosidade e colaboración de todos e todas para conseguir entre 400 e 500 doazóns diarias de sangue que garantan os compoñentes sanguíneos necesarios para que os hospitais galegos desenvolvan o seu labor asistencial. Este sábado as unidades móbiles de doazón están presentes en Narón, Carballo, Ribeira, Lalín, Centro Comercial Travesía de Vigo e Mondoñedo. Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas.