Galicia ofrece un milleiro de prazas de acollida para refuxiados procedentes de Ucraína

2 minutes read

Galicia trasladou ao Goberno central a súa oferta dun milleiro de prazas de acollida en distintos centros para recibir a refuxiados a guerra en Ucraína. Ao mesmo tempo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou esta dispoñibilidade para axudar a calquera persoa afectada polo conflito. Neste senso, sinalou que o Goberno autonómico “está a orde” do que concreten os ministerios competentes en materia de acollida e acción humanitaria, e apuntou que hai tempo que a Xunta se puxo en contacto coa recentemente creada Asociación Galega de Axuda a Ucraína para mostrar o seu apoio.

Serán algo máis dun milleiro de prazas, 714 proceden de centros da Xunta, 281 achegáronas os concellos galegos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e 139 veñen de entidades sociais. A Xunta xa remitiu estes datos ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que será o encargado de centralizar o reparto por comunidades autónomas.

Os datos iranse actualizando na medida en que os distintos axentes vaian ampliando o número de centros e prazas. Os centros postos á disposición por parte da Administración autonómica son: as Residencias de Tempo Libre de Panxón e o Carballiño, o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo, o albergue xuvenil de Portomarín, as Casas do Mar de Burela, Celeiro-Viveiro e A Coruña, o Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero de Vigo e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.

Estas prazas súmanse ás 432 camas en hospitais nas sete áreas sanitarias para acoller a aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria. Delas, 113 serán para pacientes pediátricos, 15 para nenas e nenos con necesidades de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos, das 319 prazas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.