Galicia estará presente na 27ª Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático (COP27) que se celebra en Exipto co reto de consolidar a súa posición de referencia neste eido e coñecer de primeira man as últimas tendencias e proxectos polos que se está apostando a nivel internacional para reducir as emisións, avanzar na adaptación das rexións a este fenómeno e analizar os resultados do cumio celebrado o ano pasado en Glasgow.
Ata o domingo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participará nalgún dos principais eventos organizados no marco da COP27, a maior cita anual sobre cambio climático que se celebra a nivel mundial.
Cómpre subliñar a gran oportunidade que representa este evento para Galicia non só polo feito de que lle permitirá expoñer o traballo que está a desenvolver neste eido, senón tamén porque será unha ocasión única para coñecer os proxectos doutras rexións punteiras pola súa acción climática, así como a experiencia e a visión de diferentes líderes mundiais sobre cuestións tan importantes como a evolución das emisións de CO2.
A COP27 de Exipto, que comezou a pasada fin de semana e rematará o 18 de novembro, permitirá poñer en contacto a gobernos de todo o mundo e abrir un debate enriquecedor sobre os diferentes proxectos, iniciativas e políticas que cada un dos participantes está a promover co obxectivo común de frear o avance e os efectos deste fenómeno global.