Galicia pasa a formar parte do proxecto europeo New Bauhaus

1 minutes read

Este sábado tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración para participar de xeito conxunto na iniciativa New European Bauhaus, coa que se crearán novos espazos sustentables na contorna dos centros sanitarios galegos, na procura de humanizar o seu servizo e conxugalo co lecer.

Galicia pasa así a formar parte dun proxecto interdisciplinar elaborado pola Comisión Europea, no que o Servizo Galego de Saúde actuará como socio oficial da New Bauhaus, sendo un dos 14 representantes españois que participarán na definición, acompañamento e deseño da Nova Europa.

A New Bauhaus representa un espazo de encontro que ten por obxecto deseñar novos xeitos de vivir, nos que mesturan a cultura, a arte, a ciencia, a inclusión social e a tecnoloxía, dando lugar a un futuro máis sostible, mediante o esforzo colectivo.

Coa súa incorporación a este proxecto comunitario, a Xunta de Galicia ratifica a súa aposta por formar parte dese diálogo entre persoas de diferentes culturas, disciplinas, xéneros e idades. Sobre este particular, o titular de Sanidade, salientou que participar neste proxecto “contribuirá á creación de novas experiencias e espazos sanitarios que humanizarán o seu servizo, ao tempo que se protexe a biodiversidade e se constrúe un futuro máis sostible”.