Galicia comparte as liñas estratéxicas da educación do futuro centradas na dixitalización, na potenciación da FP e na equidade do sistema que foron prefixadas desde o Goberno do Estado sen contar coas CCAA, polo que agora a Xunta pide a participación autonómica na definición, o desenvolvemento e a planificación das accións concretas á hora do reparto de fondos europeos, así como criterios claros, transparentes e sostibles cunha planificación consensuada e rigorosa a medio e longo prazo.
Así o expuxo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que desde Galicia ofreceu a máxima colaboración ao tempo que reclamou unha “verdadeira cogobernanza, que vaia máis aló da retórica” que conte coas CCAA posto que “somos as xestoras do sistema”.
O titular de Educación comparte as liñas de traballo xenéricas do Goberno central, pero bota en falta que non se lle dera a oportunidade ás comunidades autónomas de «enriquecer as propostas, con medidas que posibiliten unha aplicación máis concreta e máis acorde á realidade educativa de cada un dos territorios”.