Galicia pide que España presione para que Bruxelas recapacite e free o veto á pesca de fondo


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo a necesidade de que España acuda este luns ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea coa intención de facer presión ante Bruxelas da man doutros países afectados -como Francia ou Irlanda- co obxectivo de que recapacite e free a prohibición da pesca de fondo en preto dun cento de áreas de augas comunitarias publicada o pasado luns no Diario Oficial da UE. O Goberno central debe buscar aliados para paralizar este despropósito, que entraría en vigor o próximo 9 de outubro, e facer que o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, rectifique. “Debe dar un paso atrás ante o malestar do sector e a contestación social e revisar a aprobación dese regulamento de execución cos últimos datos e informes dispoñibles”, indicou Rosa Quintana.