Galicia presentarase en Fitur como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo


O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, presentou no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia a proposta da Xunta para a 42ª edición da feira internacional de turismo, que recupera a súa data tradicional a principios de ano e que se celebrará de xeito presencial do 19 ao 23 de xaneiro; os tres primeiros días só para profesionais do sector e a fin de semana, para o público en xeral. Emilio de la Iglesia subliñou que se trata dun escaparate único para Galicia, “que xa demostrou no 2021 que era un destino seguro e que volverá facelo no 2022”.
O stand terá un deseño moderno e de cores vistosas que queren simbolizar a esperanza e a ilusión coa que Galicia afronta o segundo ano do Xacobeo logo de demostrar no 2021 que era un destino seguro e bater récords no que á recuperación do sector se refire malia a pandemia. Nese sentido, o espazo expositivo contará de novo coa presenza do botafumeiro de prata en tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos e co que, como no 2021, os visitantes poderán fotografarse. Nesta ocasión formará parte dun set que xogará con espellos como símbolo das moitas facianas de Galicia como destino turístico.
En Fitur 2022, Galicia presentará medio cento de produtos e destinos turísticos e unha vintena de catas que se desenvolverán nunha ducia de espazos expositivos e informativos. Tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia, así como espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia.