O INE publicou hai poucos días a súa estimación de nacementos de decembro de 2022, o dato provisional do derradeiro mes do ano que dá lugar á primeira cifra de natalidade do exercicio completo. Á espera das variacións que poida traer consigo o dato definitivo -habitualmente, moi escasas-, os 14.556 nacementos en Galicia no ano pasado supoñen unha redución do 1,56% a respecto de 2021 e, polo tanto, un novo mínimo histórico dende que hai datos comparables, se ben a redución porcentual é case a metade que nos dous anos previos, na contorna do 3%.
Pouco despois, este 17 de febreiro, o Instituto Galego de Estatística actualizou os seus indicadores demográficos, tamén con algúns avances de 2022 pero, sobre todo, consolidando os datos de 2021. Deles é posible tirar a conclusión de que o país entrou na década dos anos 20 cun novo récord de envellecemento e de baixa natalidade.
Un dos indicadores actualizados é o índice de envellecemento, isto é, o número de persoas de 65 ou máis anos por cada cen habitantes menores de 20 anos. Como evidencia o propio IGE, dende o comezo da serie estatística en 1975 este índice experimenta un «continuo incremento» que «reflicte a velocidade do envellecemento da poboación de Galicia», con 167 persoas que superan os 64 aos por cada cen menores de 20.