Activarase unha liña de axudas para promover a economía circular entre o tecido produtivo galego, na procura de mellorar a competitividade das pemes e do colectivo autónomo impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente.
O programa, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, está impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Céntrase na implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, prevéndose que se poidan apoiar arredor de medio cento de proxectos, tanto individuais como colectivos. O obxectivo é promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
En réxime de concorrencia competitiva, os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro ás 14 horas, cobren o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros nos individuais.
Os beneficiarios poden solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.