Galicia propón un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023

1 minutes read

Galicia propuxo un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023, o que supón 2 novas candidaturas con respecto ás presentadas na edición do pasado ano 2022, tal e como salientou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, logo de participar na reunión do xurado nacional que concede estes distintivos. Do Campo incidiu en que a Comunidade galega, coas 117 propostas —38 da Coruña, 19 de Lugo e 60 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os valores e o estado actual dos areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Madrid, País Vasco, Cantabria, Asturias e Estremadura. O fallo do xurado, que valorará que os areais sexan lugares seguros e accesibles para todas as persoas, darase a coñecer a mediados do mes de maio, tal e como lles trasladou o presidente da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), José Palacios.