Galicia recibe outros dous lotes adquiridos pola Xunta con 2 millóns de máscaras

2 minutes read
  • Máis de 122.000 máscaras xa foron distribuídas ás residencias sociosanitarias

Chega a Galicia o segundo envío de máscaras cun total de dous millóns de unidades adquiridas pola Xunta. O material, que chega a Galicia grazas á loxística facilitada por Inditex, foi entregado na plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde, situado en Negreira, e desde alí será distribuído a toda a comunidade.

Este é un dos envíos dunha parte dos lotes adquiridos pola Xunta de Galicia a distintos provedores e que se suman ás 700.000 máscaras recepcionadas o pasado domingo; 500.000 desas unidades foron adquiridas pola Xunta e o resto foron procedentes de doazóns, 100.000 de Inditex e outras 100.000 de Grupo Caamaño

Sanidade xa está a distribuír o material de protección recepcionado con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.

Así, un total de 122.350 máscaras foron distribuídas por residencias sociosanitarias de toda Galicia. Da contía total, 4.000 máscaras eran de tipo N95, outras 114.000 unidades distribuídas son máscaras cirúrxicas con gomas, e tamén se entregaron 4.350 máscaras de tipo FFP2.

En concreto, enviáronse 20.000 unidades directamente á Consellería de Política Social, outras 18.190 foron enviadas ás residencias sociosanitarias da área de Vigo, 16.500 unidades ás da área da Coruña, 13.300 máscaras ás residencias da área de Santiago, 4.740 ás de Lugo, 33.020 ás de Ourense, 8.580 ás de Pontevedra e 8.020 ás de Ferrol.

Compras de equipamento sanitario
O Servizo Galego de Saúde tamén está distribuíndo e instalando en todas as áreas sanitarias os equipos adquiridos nos dous expedientes de compra tramitados polo procedemento urxente. Este equipamento está destinado a reforzar a atención sanitaria en todos os hospitais da rede.

Ademais, o Consello da Xunta autorizou a semana pasada a compra de diverso material cun orzamento de 6.697.638 euros destinado a adquirir 7.230.000 máscaras cirúrxicas, 200.000 máscaras respiratorias, 625.034 batas de alta protección/impermeables e 21.920 botellas de solucións desinfectantes entre outros artigos.