Galicia, Asturias e Castela e León queren ter listo en xaneiro un documento que identifique en que hai que investir para facer competitivo o transporte ferroviario de mercadorías. Procuran avances no desenvolvemento do corredor atlántico noroeste.
«Solicitamos un plan director, tamén un comisionado, e queremos unha folla de ruta con planificación en canto a prazos e investimentos», explicou a conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González Corral.
Actualmente só viaxan en tren arredor dun 4% das mercadorías que se moven vía terrestre polo interior do Estado. O obxectivo é triplicar ese tráfico de cara a 2040. Solicitano tamén para os empresarios: queren ter unha loxística intermodal para poder conectar aquí o transporte por estrada, por mar e tamén ferroviario.
Os presupostos xerais para o ano que vén destinan unha partida de case 1.700 millóns para o corredor atlántico. Administracións e empresarios chaman tamén polos fondos europeos e urxen a executar esas partidas para que o corredor noroeste estea listo en 2030.