Galicia reforza a súa colaboración coa bretaña francesa en materia agrogandeira

O conselleiro do Medio Rural, José González, realizará a vindeira semana unha visita institucional á Bretaña francesa para estreitar os lazos de colaboración entre Galicia e esta rexión en materia agrogandeira.

A delegación galega manterá diversas xuntanzas de traballo con autoridades rexionais e con representantes do sector e visitará tamén cooperativas e explotacións. Así, xa o propio luns están previstos contactos co presidente da rexión, Loïg Chesnais-Girard, así como co vicepresidente de Agricultura, Agroalimentación e Alimentación, Arnaud Lécuyer.

O conselleiro reunirase con representantes da Federación Rexional das Maisons Familiales Rurales (MFR) da Bretaña (equivalentes ás escolas familiares agrarias -EFA- galegas). O encontro xirará arredor da cooperación entre ambos territorios en materia de intercambio de experiencias e estadías a través dos proxectos de mobilidade Erasmus. Deica o mércores están previstas tamén visitas a cooperativas e explotacións lácteas, así como xuntanzas con produtores de pataca, entre outros actos.

A viaxe estará centrada especialmente no sector leiteiro, tendo en conta que a Bretaña é a segunda rexión europea en produción de leite, con 5,54 millóns de toneladas no ano 2021, sendo só superada pola irlandesa Southerm, que acadou os 6,46 millóns de toneladas. Neste ranking, Galicia ocupa a día de hoxe o noveno posto, cun crecemento constante ano tras ano, sendo a que máis aumenta das que teñen producións similares, polo que, de manterse esta tendencia, podería escalar postos dentro da UE.Así pois, o intercambio de experiencias e coñecementos entre Galicia e a rexión gala será o principal obxectivo da visita, que tamén terá espazo para afondar na colaboración en relación con produtos como a pataca, unha produción esta última na que sobresaen ambos territorios, dentro dos seus respectivos ámbitos nacionais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha