A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), reforza con 36 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2022. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Xunta que realizarán labores de coordinación. Galicia sitúase así como a terceira comunidade autónoma que máis colaboración achega, só por detrás de Canarias e Valencia.
A Atriga vai colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2022, e este ano destina algo máis de 200.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.
A campaña de reforzo comezará o 5 de maio co inicio da atención telefónica a través do ‘Plan Chamámoslle’ e abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comezará o vindeiro 1 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 30 de xuño.
Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2022, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.