A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na xornada ‘Necesidades e retos da atención residencial de persoas maiores’, organizada por Garrigues. Na súa intervención, destacou que o Goberno galego segue avanzando na atención ás persoas maiores e, tal e como anunciou o Presidente Rueda no Debate de Política Xeral, ten previsto construír 24 novas residencias públicas, o que permitirá habilitar 1.800 prazas en concellos de menos de 50.000 habitantes.
A conselleira participou nunha mesa de diálogo sobre o futuro da atención á dependencia e a colaboración público-privada na que tamén interviñeron representantes dos gobernos autonómicos de Asturias, Castela A Mancha e a Comunidade Valenciana. No coloquio, Fabiola García puxo en valor que Galicia conta actualmente con máis de 16.000 prazas residenciais públicas, o triplo que en 2009 e que segue aumentando esta cifra cos sete centros que constrúe e equipa a Fundación Amancio Ortega, que suman 900 prazas, coas 500 prazas de atención residencial incluídas no Plan de investimentos en centros municipais e coas 1.800 prazas das novas 24 residencias que vai impulsar en toda Galicia.
Fabiola García tamén destacou os avances na mellora da atención nos centros residenciais que supón o novo modelo de coidados implantado na rede autonómica.