Galicia regulará o uso da intelixencia artificial na administración autonómica


Será de acordo cos resultados do informe elaborado polas tres universidades públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento desta tecnoloxía. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou o acto de presentación do estudo sobre o Marco ético normativo e adopción da intelixencia artificial (IA) en Galicia, onde destacou que a aposta da comunidade pola colaboración e a implicación de todos os actores no proceso de transformación dixital sitúa á nosa comunidade nunha posición de vangarda. O acto contou coa participación dos reitores das tres universidades: Antonio López (Santiago de Compostela); Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo).

Miguel Corgos sinalou ademais que, a intelixencia artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o desenvolvemento social e económico. Neste marco, lembrou que a comunidade galega foi a escollida para acoller a primeira axencia estatal europea de supervisión da intelixencia artificial, a AESIA, que estará na Coruña.