Entre as 13:00 e as 19:00 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias contabilizou un total de 34 sinistros, dos cales en vinte foi necesaria asistencia sanitaria para algunha das persoas implicadas. Entre os incidentes máis destacados figuran varios rexistrados en vías de alta capacidade.
Así, unha muller resultou ferida tras saírse da vía no quilómetro 7 da AP-9, ao seu paso polo Temple (Cambre), contra as 16:30 horas. No operativo interviñeron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autoestrada.
Tamén na AP-9, minutos antes das 15 horas, produciuse un accidente por alcance no quilómetro 159B, en Cabral (Vigo), que deixou unha persoa ferida, aínda que de carácter leve.
Pola súa banda, ao fío das 14 horas, dúas saídas de vía consecutivas tiveron lugar no quilómetro 281 da A-52, ao seu paso pola Cañiza. Os particulares que alertaron ao 112 Galicia explicaron que se formara unha bolsa de auga na calzada e que varios vehículos sufriran aquaplaning. Neste caso, tamén foi necesaria a intervención dos servizos sanitarios, do GES-SPEIS de Ponteareas, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da autovía.