Galicia rexistrou un mes de abril seco, cun 32% menos de chuvia do habitual

1 minutes read

Galicia rexistrou un mes de abril normal en canto ás temperaturas e seco no que respecta ás precipitacións xa que segundo os datos obtidos nas estacións máis representativas da Comunidade choveu de media un 32% menos do habitual nesta época do ano.

Estas son as principais conclusións do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que subliña que o pasado abril foi un mes tipicamente primaveral, marcado pola alternancia de períodos fríos e secos, algunha borrasca bastante activa en canto ás precipitacións e xornadas anticiclónicas de sol e calor.

Así, os días 7 e 8 a climatoloxía estivo marcada na Comunidade polo paso da borrasca Diego, que deixou chuvias xeneralizadas e ventos intensos. As xornadas do 11 e do 12 de abril tamén estiveron caracterizadas por unha situación similar, debido neste caso á influencia da borrasca Evelyn.

Pola contra, tanto o comezo como os tres últimos días do mes viñeron marcados polo predominio anticiclónico, que trouxo a Galicia xornadas de ceos despexados pero con temperaturas moi dispares. Así, durante a primeira semana de abril rexistrouse unha entrada de aire moi frío procedente de Europa que mesmo deixou xeadas importantes no interior. Pola contra, o mes rematou con tres xornadas de sol e calor que axudaron a compensar as temperaturas medias, que se moveron finalmente dentro da normalidade.

En todo caso, a característica máis salientable do mes hai que buscala nos rexistros de chuvia. Así, a anomalía media en Galicia obtida a partir dos datos das 16 estacións meteorolóxicas máis representativas, foi un 32% inferior ao valor climático normal, sendo o precedente máis próximo o do ano 2017, durante o que choveu un 83% menos.