Galicia rexistrou un mes de xullo moi seco no que respecta ás precipitacións e extremadamente cálido en canto ás temperaturas, cunha vaga de calor histórica entre os días 11 e 15, segundo conclúe o avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia.
Segundo os datos de 11 estacións meteorolóxicas representativas, a anomalía media da temperatura para este mes foi de +2,7 ºC. As temperaturas máximas (+3,9 ºC) foron extremadamente cálidas mentres que as mínimas (+1,54 ºC) foron moi cálidas. Tanto nas máximas como nas medias a anomalía en xullo foi a máis elevada da serie desde 1981.
Máis polo miúdo, o valor medio das temperaturas máximas foi de 28,1 ºC. As máis altas rexistráronse nas ribeiras do Sil, no Miño ourensán e na comarca de Verín, con valores próximos aos 36 ºC. Pola contra, os valores máis baixos déronse na Mariña luguesa e na comarca de Ortegal, con valores próximos aos 18,4 ºC.
En canto ás temperaturas mínimas, o valor medio foi de 14,6 ºC. Os valores máis baixos rexistráronse na comarca da Limia, acadándose localmente os 8,4 ºC, e os máis altos déronse no sur da provincia de Pontevedra, onde localidades do Condado e da comarca de Vigo chegaron a acadar os 18,9 ºC.
Tamén cómpre salientar que entre os días 11 e 15 de xullo, Galicia viviu unha vaga de calor histórica xa que á presencia de altas presións ao norte da península Ibérica engadiuse unha DANA localizada entre a península e as Azores, que impulsaba aire aínda máis cálido cara á Comunidade.
As temperaturas superaron neses días os 40 ºC en moitos puntos de Galicia, destacando os 44 ºC rexistrados en Ourense na tarde do día 14. Ademais, esa tarde produciuse un Sistema Convectivo de Mesoescala. Unha área de tormentas no norte de Portugal disparou de xeito súbito e rápido un área tormentosa do tamaño de Galicia que en menos de 4 horas deixou máis de 6.000 raios.