Galicia rexistrou un outono moi cálido e moi húmido

1 minutes read

Así o pon de manifesto o Informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia que foi presentado este venres pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez.

Segundo o informe, o outono de 2022 foi moi cálido cunha temperatura media de 15,9 ºC, o que supón unha anomalía positiva de +1,4 graos con respecto á media da serie histórica 1981-2010. Sagrario Pérez explicou que isto se debeu principalmente a que as temperaturas mínimas foron moi cálidas –sobre todo no mes de outubro- (+1,9 ºC) mentres que as máximas foron cálidas (+1 ºC).

Máis polo miúdo, no Macizo de Manzaneda e en Pena Trevinca rexistráronse os valores máis baixos de temperaturas -en torno aos 7,1 graos- mentres que os máis altos corresponden a gran parte do oeste da provincia de Pontevedra e ao noroeste da Coruña, onde acadan os 17,9 ºC.

No que atinxe ao balance pluviométrico, a chuvia media para as 16 estacións que compoñen a serie rexional foi de 588 l/m2, un 35% superior á media, o que supón que se considere “un outono moi húmido”, segundo dixo Sagrario Pérez. Nesta liña, engadiu que isto se debeu ás precipitacións xeneralizadas e persistentes dos meses de outubro e novembro.

De feito no último mes as borrascas atlánticas afectaron de xeito continuo á Comunidade, deixando cantidades de chuvia moi elevadas que mesmo deron lugar nalgunhas xornadas a avisos por acumulación de precipitación.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?