Galicia será a convidada especial do festival de teatro de Manizales en Colombia

1 minutes read

Galicia e as súas artes escénicas serán as convidadas especiais na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, en Colombia, que terá lugar do 21 ao 28 de outubro coa participación de cinco compañías galegas de teatro, danza e novo circo: Ainé Producións, Elefante Elegante, Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro e Pistacatro. A Xunta colabora con esta recoñecida mostra, considera a más antiga das que se celebran en Iberoamérica, para coordinar e apoiar economicamente esta representación artística galega, seleccionada pola propia organización do certame.

Para afondar nos detalles desta participación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os representantes destas cinco compañías e os directores dos festivais colombianos de Manizales, Octavio Arbeláez, e de Medellín, Sergio Restrepo, aproveitando a visita destes últimos a Galicia para asistir ao encontro profesional organizado en Narón con motivo do VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular.