Galicia súmase á Rede Europea de Xardíns históricos

2 minutes read

Galicia vén de incorporarse á prestixiosa Rede Europea de Xardíns Históricos aportando un total de nove xardíns galegos que foron valorados positivamente polo comité científico da rede encargado de avaliar as novas incorporacións. A certificación produciuse a finais do ano pasado e foi hoxe, no marco da celebración da Asemblea xeral da Rede Europea de Xardíns Históricos, cando se fixo efectiva coa entrega das certificacións que acreditan a integración destes nove xardíns galegos que teñen todos eles como fío condutor a camelia.
O máximo responsable do Instituto Europeo das Rutas Culturais, Stefano Dominioni, foi o encargado de facer entrega das certificacións dos novos xardíns que se integran así neste itinerario, unha certificación que recolleu a Xunta de Galicia como xestora e promotora da posta en valor internacional destes recursos turísticos de primeiro nivel a través da adhesión a este itinerario cultural europeo, un dos últimos Itinerarios Europeos certificados polo Consello de Europa, que acredita o valor histórico, artístico e social de xardíns de toda Europa.
Trátase dos seis xardíns situados na provincia de Pontevedra: Pazo de Oca; Pazo de Quinteiro da Cruz; Quiñones de León; Lourizán; Pazo de Rubianes e Soutomaior xunto cos tres da provincia da Coruña: Pazo de Santa Cruz, Mariñán e a Alameda de Santiago.
Con estas incorporacións, Galicia pasa a reunir a maior concentracións de xardíns históricos acreditados neste itinerario cultural europeo de España, onde ata o de agora só había cinco que contaban con este recoñecemento, situados en Andalucía, Illas Baleares, Cataluña e Madrid.
A certificación Itinerario Cultural do Consello de Europa é unha garantía de excelencia que permite a estas rutas promover a súa internacionalización e impulsar un turismo de alto valor. Ata o de agora o Itinerario contaba con 31 xardíns situados en sete países: Xeorxia, Alemaña, Hungría, Grecia, Italia, Polonia, Portugal e Italia.